Sunday 28 de April de 2024

O CPI Plurilingüe Cernadas de Castro acolle unha exposición coas imaxes do “Roteiro fotográfico das Minas de San Finx”


 

A concelleira de Igualdade visitou a mostra, froito dunha actividade englobada no proxecto “Mocidade en movemento” da Oficina Municipal de Información Xuvenil e Voluntariado de Lousame

O CPI Plurilingüe Cernadas de Castro acolle unha exposición de fotografías realizadas por alumnado de 3º e 4º da ESO ao abeiro do “Roteiro fotográfico e exaltación do poboado das Minas de San Finx”, unha actividade de aplicación pedagóxica do uso do móbil incluída no proxecto “Mocidade en movemento” da Oficina Municipal de Información Xuvenil e Voluntariado de Lousame. A concelleira de Igualdade de Lousame, Silvia Agrafojo, acompañada pola directora do centro, Pilar Cobas, e profesorado do mesmo visitaron a mostra, que pode verse nos corredores do colexio.

A concelleira amosouse sorprendida “pola gran calidade das fotografías, pois salta á vista que non é un simple enfocar e disparar, senón na maioría das imaxes que compoñen esta exposición vese que hai moita técnica detrás e tamén unha intención artística do alumnado, que non se limita a recoller a paisaxe que podes ver durante o roteiro, senón que descobren elementos como unha tea de araña ou un tronco de árbore que compoñen imaxes verdadeiramente fermosas”.

“A actividade consistiu nunha ruta polos sendeiros que unen as instalacións do centro e as minas de San Finx, onde os participantes tiveron actividades didácticas sobre o pasado histórico, patrimonial e industrial deste poboado ao tempo que puideron retratar aqueles aspectos paisaxísticos ou monumentais que consideraron do seu interese, empregando a creatividade como principio primordial das súas fotos. Posteriormente, visualizáronse as diferentes fotografías, realizouse unha selección das mesmas e unha exposición”, explica a directora do CPI Cernadas de Castro.

Esta actividade incorporouse ao proxecto Espazos Maker, dando así continuidade ao mesmo. Dende o Departamento de Plástica traballouse a linguaxe da fotografía e o alumnado puxo en práctica os coñecementos adquiridos. O Departamento de Educación Física encargouse de impulsar a andaina, acompañando ao alumnado e colaborando cos monitores do Concello de Lousame.